Wednesday 15 de May de 2024

Máis de 500 persoas encheron o campo da Festa de San Roquiño (Lousame) na homenaxe a Prudencio Romo


As bandas de música de Lousame e de Outes interpretaron xuntas temas de “Los Tamara” coa colaboración das corais de Noia e de Rianxo e dos cantantes Paco Lodeiro, Yolanda Vázquez, J. M. Barreiro “Secho” e Fernando Docampo

O campo da festa de San Roquiño (Lousame) quedou pequeno para acoller ás máis de cincocentas persoas que participaron no tradicional concerto homenaxe a Prudencio Romo, que este ano contou con grandes colaboracións debido á celebración do vinte aniversario da Banda de Música de Lousame, fundada polo músico noiés. Así, este X Certame de Bandas de Música de Lousame contou coa participación das bandas de música de Lousame e de Outes, que actuaron xuntas e dirixidas por Fernando Froján, interpretando unha ducia de temas de “Los Tamara”, formación da que Prudencio Romo foi director e membro fundador.

Canda eles actuaron os integrantes doutras dúas formacións moi relacionadas con Prudencio Romo: a Coral Polifónica de Noia e a Coral da Escola de Música de Rianxo. As cancións de “Los Tamara” foron intrepretadas polos cantantes Paco Lodeiro, Yolanda Vázquez, José M. Barreiro “Secho” e Fernando Docampo. O director da Banda de Música de Lousame, Fernando Froján, agradeceu o apoio do público, “especialmente porque as pezas non eran doadas de tocar e supuxo un importante esforzo para os músicos”.

Agasallos

O concerto comezou preto das 20.30 horas de onte domingo e rematou pasadas as 22:00 horas, despois dun par de bises nos que o público presente se animou tamén a cantar, con temas como “Puerto de Compostela” e “María Soliña”. A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, agradeceu a presencia de todos os músicos e cantantes “polo que nos fixestes disfrutar coa vosa música e tamén por compartir connosco lembranzas e historias sobre Prudencio Romo e Los Tamara”.

Así, a alcaldesa de Lousame entregoulle a Fernando Froján un agasallo con motivo do vinte aniversario da Banda de Música de Lousame, así como un detalle a todas as agrupacións e cantantes participantes no certame. Especialmente emotivo foi o momento no que a viúva de Prudencio Romo, Agripina Sarmiento, recibiu un agasallo en nome de todos os presentes, que recolleu canda o seu neto Abraham, que participou como músico na actuación.